Bailo moitas veces cos peixes.
Déixome mecer no vaivén das ondas
Escuras pero cálidas.
Lévanme paseniño por sendeiros
E túneles de algas,
Por covas e furados nas esponxas.
Durmo soa.
A franela das sabas agarima a miña meixela.
Síntome recollida.
Buceo nun fondo silencioso.
Pero din que o mar está frío sempre.
Non é certo. Ou si?
Ó mellor por iso os peixes son de escamas
E o mar na pel soa como unha labazada.
Pero eu quero pensar que o mar é de franela tamén.
Quero, e pénsoo.
Logo direille a Javi que cando me meta na cama
Será coma meterme no mar.
Dirame que iso non ten sentido
E direille que ten razón.
Pero metereime na cama de novo
E voltarei bailar cos peixes,
Máis segura cada día de que a razón
Non quita dereito á liberdade.